Benxamín Otero - Biografía

Titulado en Óboe e en Historia e Ciencias da Música, Benxamín Otero abre esta experiencia como intérprete e compositor no terreo da música académica cara outras músicas como a tradicional, o jazz ou as músicas do mundo, e tamén cara outras especialidades como a poesía e a fotografía.

É mestre no Conservatorio de Lalín e, durante moitos anos, foi mestre de Linguaxe musical no Conservatorio de música tradicional e folque da mesma vila. Este contacto coas músicas tradicionais desemboca na participación de grupos como Curitiba, Grodan defló, Linho do Cuco ou do espectáculo “Método cardiofónico” de Germán Díaz. Ten colaborado con Driade, Os Cempés, Marful, Guadi Galego, Uxía, Fuxan os Ventos, Ataque Escampe, Gelria, etc…

No eido audiovisual é o compositor de bandas sonoras para videos comerciais, curtametraxes coma “Alzheimer” de Alex Sampaio, “Viento” de David Argüelles, “Sen ti” de Feyrouz Serhal ou o documental “Piedad” de Otto Roca. Traballou para a compañía de teatro Matarile nos espectáculos “Primeiro movemento para figuras brancas” e “Historia Natural”. A partir do ano 2009, entra a formar parte da compañía Fantoches Baj como actor, músico e compositor, realizando as músicas para os espectáculos da compañía, “O Asombro”, “Poesía última de LP”, “As pombas de Carboeiro” ou “Os vellos non deben de namorarse”, entre outras.

Na actualidade compaxina varios proxectos. Está a realizar “No tempo dun café” xunto a Celso F. Sanmartín, un espectáculo onde se conxugan contos populares, músicas e maxias. Con Elena Tarrats, leva a cabo un proceso de creación en acción, “tocar a pel do animal”. Con Germán Díaz, continúan o proxecto “trece canción bonitas”. Ademáis, conforma un dúo co pianista de jazz Pablo Seoane, integra o cuarteto de jazz de Pablo Sanmamed e colabora no espectáculo musical de Faia “Ao cabo leirín”. Vén de publicar o disco doble en solitario “gardar a auga” e o poemario “en van”.

En 2024 estrea a peza performativa musical «coma un cento de paxaros» escrita para o Coro da Ra e coa que se inaugurou a Plataforma 2024 Festival de Santiago de Compostela e un novo proxecto escénico titulado «antoloxía dos lugares da luz» xunto co a actriz Melania Cruz, onde realizan unha viaxe musical a través de poemas que nos falan da luz.